top of page
RISCO SUICIDA NO ÁMBITO EDUCATIVO

A conduta suicida constitúe un problema complexo, multicausal e multifactorial. Pode entenderse como unha solución radical ao sufrimento psicolóxico intolerable. A persoa vese superada nos seus recursos e na súa capacidade de afrontamento, e non ve ningunha saída. As persoas con ideación suicida vense dominadas por dous pensamentos distorsionados que viven como reais: a desesperanza porque sempre van seguir sufrindo igual e a crenza de que a súa perda será fácil de superar para os seus familiares e seres queridos xa que vivirán mellor sen eles.

 

O modelo de abordaxe do risco suicida no ámbito educativo ten como obxectivo a prevención no marco dunha escola saudable, a detección precoz e a intervención diante das condutas suicidas desde unha perspectiva interdisciplinaria. Dada a complexidade desta problemática, é necesaria a colaboración do sistema educativo cos dispositivos comunitarios de saúde mental, servizos sociais e asociacións ou institucións, para complementar accións dirixidas ao apoio e benestar do alumnado.

 

Este modelo de actuación desenvólvese nos tres niveis de orientación educativa: a titoría, coordinando a detección dos factores de protección e de risco; o departamento de orientación, realizando a avaliación psicopedagóxica en contacto cos servizos sociosanitarios e solicitando a colaboración do equipo de orientación específico, se o estima necesario, sempre en coordinación coa dirección do centro e coa Inspección Educativa. Abordamos así a prevención, a intervención e posvención no ámbito educativo diante da conduta suicida.

Entre os sinais de alarma podemos citar:

‣ Condutas que indican que a persoa está pensando ou planificando un suicidio ou obsesionada pola morte:

  • falar ou escribir sobre o desexo de morrer

  • sentimentos de desesperanza

  • querer desaparecer

  • carta de despedida

  • sentirse atrapado

  • sufrir unha dor insoportable

  • ser unha carga para seres queridos

  • buscar métodos de suicidio a través de Internet

‣ Cambios máis directos na conduta que poden significar que a persoa está experimentando problemas de saúde mental, que poden asociarse a pensamentos e plans suicidas:

  • perda de contacto coa familia e coas amizades

  • baixada brusca de rendemento escolar

  • incremento de consumo de substancias

  • cambios de carácter e ánimo

  • cambios de hábitos de sono ou alimentación

  • amosar ira, angustia ou falar da necesidade de vingarse

INTERVENCIÓN_SUICIDA.jpg
bottom of page