
VISITA A WEB DO PROXECTO EDIA
Entendemos por problemas de conduta os comportamentos que afectan negativamente a un mesmo e o contorno no que un vive (familia, escola, traballo, veciños) por romper as normas de convivencia e deteriorar o desenvolvemento persoal e social.
As características fundamentais dos problemas de conduta son:
-
Fan referencia a un conxunto de condutas que, pola súa intensidade, frecuencia e duración deterioran significativamente o proceso de desenvolvemento persoal e social.
-
O comportamento é avaliado como alterado en referencia a unha norma de idade ou evolutiva.
-
A norma, para avaliar unha conduta como patolóxica, debe ter en conta as características do medio educativo, social e cultural ao que pertence a persoa, xa que a conduta é altamente influenciable polo contorno.
-
O comportamento alterado supón unha pauta condutual relativamente estable.
-
A conduta alterada afecta de maneira significativa a relación do suxeito co medio social.
IDENTIFICACIÓN
As características máis relevantes que nos poden servir como indicadores para detectar os problemas de conduta antes citados son as seguintes:
Déficit de atención con hiperactividade (TDA–H), caracterízase pola presenza de tres síntomas fundamentais:
-
Déficit de atención.
-
Impulsividade.
-
Hiperactividade.
Negativismo desafiante, caracterízase pola existencia dun patrón recorrente de comportamento negativista, desafiante, desobediente e hostil, dirixido ás figuras de autoridade.
Trastorno disocial é un patrón de comportamento persistente no que se violan os dereitos básicos dos outros e importantes normas sociais axeitadas á idade do suxeito, reiterando comportamentos agresivos e retadores.
Agresión entre iguais ou intimidación é a violencia mantida, mental ou física, guiada por un individuo ou por un grupo e dirixida contra outro individuo que non é capaz de defenderse por si mesmo nesa situación, e que se desenvolve no ámbito escolar.
Trastorno de ansiedade. A ansiedade é unha resposta que xorde cando a persoa se sente ameazada ou en perigo, sexa este real ou imaxinario. É unha resposta normal e adaptativa que prepara o organismo para actuar diante dunha situación ameazante.
A fobia é un medo diante dunha situación que vai moito máis alá da precaución razoable que representa o perigo. Non pode ser nin explicada nin razoada.
O mutismo selectivo atopámolo cando o/a rapaz/a demostra a súa capacidade lingüística nalgunhas circunstancias, pero deixa de falar noutras. O trastorno adoita manifestarse na primeira infancia.
Problemas dos sistemas familiar, escolar e social. Hai características dos sistemas sociais nos que se desenvolven os rapaces que favorecen a presenza de problemas de conduta ou matizan a súa frecuencia, intensidade e duración.
Os máis importantes son:
No ámbito familiar: clima familiar desestruturado ou soporte familiar inadecuado.
No ámbito escolar: desenvolver un currículo inadecuado para o alumno.
No ámbito social: dificultades relacionadas co desemprego, a vivenda e condicións económicas; exclusión e rexeitamento social; situacións de risco.
Moitos dos rapaces ou rapazas poden presentar algúns dos síntomas dos que falamos; non obstante, só hai un problema de conduta importante cando a frecuencia e a intensidade destes síntomas provocan unha incapacidade ou deterioración importante na vida familiar, escolar e social.
PREVENCIÓN E INTERVENCIÓN NO ÁMBITO ESCOLAR
O Plan de Convivencia, integrado no Proxecto Educativo do Centro, e en estreita relación co Plan de Acción Titorial, contemplará os seguintes eixes vertebradores dun clima de convivencia positivo nas aulas e no centro:
-
Competencias emocionais e educación en valores.
-
Estilo educativo asertivo. A superación do autoritarismo e permisivismo esixe un estilo educativo que integre normas, diálogo e autonomía.
-
Adaptación do currículo.
O alumnado con problemas de conduta pode presentar atraso escolar, dada a súa escasa motivación pola aprendizaxe.
Así, nos casos de rapaces e rapazas con déficit de atención teremos que dividir as tarefas en subtarefas, proporcionarlles descansos periódicos, reforzalos cando pasen dunha tarefa a outra e revisar con eles as probas de avaliación.
-
A titoría: unificación de criterios. Ao profesorado titor, asesorado polo departamento de orientación, correspóndelle a unificación de criterios de actuación de todo o equipo docente.
-
Consensuar normas de convivencia. A prevención busca que o alumnado sexa capaz de analizar e prever as consecuencias das súas accións e que chegue a interiorizar as normas de convivencia consensuadas cos seus compañeiros, compañeiras e profesorado.
-
Medidas flexibles de organización da aula.
-
Non estigmatizar nin marxinar: a titoría entre iguais.
O profesorado titor dará as orientacións para que o grupo de iguais ignore as condutas que buscan chamar a atención e se implique na integración do alumno ou alumna no grupo.
-
Contratos de conduta. Establecer contratos de conduta asinados polo rapaz ou rapaza, o profesorado titor e a familia.
-
Entrevistas de titoría e axenda escolar. É aconsellable realizar frecuentes entrevistas entre o profesorado titor e a familia.
-
Control das crises.
Utilizar estratexias de contención, previas á intervención educativa.
-
Estratexias antiviolencia entre iguais. Diante da agresión entre alumnado temos que desenvolver un programa integral contra a violencia, que vai dende a contención á educación en valores.
-
Fomentar a autoestima.
-
Mediación en conflitos.
-
Aprender a superar a ansiedade.
-
Estratexias diante do mutismo selectivo.
-
Estratexias de contención, extinción e reforzo. No proceso de transformación de condutas disruptivas en condutas creativas.