top of page
DIFICULTADES DA APRENDIZAXE

“Dificultade da aprendizaxe é un termo xenérico que se refire a un grupo heteroxéneo de alteracións que se manifestan por dificultades significativas na adquisición e uso da comprensión oral, expresión oral, lectura, escritura, razoamento, ou habilidades matemáticas. Estas alteracións son intrínsecas á persoa, presumiblemente debidas a unha disfunción do Sistema Nervioso Central, e poden ocorrer ao longo de todo o ciclo vital (life span). Xunto coas dificultades da aprendizaxe poden existir problemas nas condutas de autorregulación, percepción social e interacción social, pero non constitúen por si mesmas unha dificultade da aprendizaxe. Aínda que as dificultades da aprendizaxe poden ocorrer conxuntamente con outras condicións incapacitantes (por exemplo: deficiencias sensoriais, atraso mental, trastornos emocionais graves) ou con influencias extrínsecas ou ambientais (diferenzas culturais, instrución insuficiente ou inapropiada), non son o resultado directo destas condicións ou influencias”

Definición establecida, en 1988, polo National Joint Committee Learning Disabilities (NJCLD)

TRASTORNO LECTURA

​​Cando un neno ou unha nena non é capaz de entender como se relacionan as letras cos sons vai ter dificultades para ler correctamente, xerando unha lectura imprecisa con erros varios, tales como: omisións, substitucións, inversións, adicións, ... de letras, sílabas ou palabras, e importante lentitude ou escasa fluidez da lectura.

 

Estes problemas acaban por interferir na identificación da palabra e, como consecuencia, no acceso ao seu significado, véndose afectada, tamén, a comprensión lectora e a escritura.

 

Estas dificultades no proceso inicial da aprendizaxe lectoescritora poden ser consideradas como típicas do mesmo. Con todo, se despois dos dous primeiros anos de educación primaria se segue observando falta de precisión na lectura de palabras, lentitude ou escasa fluidez da lectura e/ou dificultades de comprensión, poderíase dicir que existe un “trastorno específico da aprendizaxe”, “con dificultades na lectura”

  • Dificultades na exactitude e na mecánica lectora.

  • Dificultades na velocidade lectora.

  • Dificultades na comprensión lectora.

TRASTORNO CÁLCULO

As dificultades con respecto á aprendizaxe das matemáticas inclúen unha ampla gama de dificultades, que afectan, fundamentalmente, á comprensión dos números e ao manexo do cálculo aritmético, véndose afectada, como consecuencia, a resolución de problemas.

 

Tendo en conta a complexidade das aprendizaxes matemáticas, o dominio numérico e matemático require a coordinación de varios procesos cognitivos, tanto básicos -destrezas psicomotoras, percepción, atención, linguaxe e memoria-, como máis específicos e complexos -razoamento lóxico, procesamento numérico e estratexias de resolución de problemas.

  • Dificultades coas operacións lóxicas matemáticas.

  • Dificultades co sistema numérico.

  • Dificultades na realización de cálculos numéricos.

  • dificultades coa resolución de problemas.

  • Dificultades coa lectura simbólica numérica.

TRASTORNO DA ESCRITURA

Para escribir correctamente son necesarias unha serie de aprendizaxes, que inclúen: a direccionalidade da grafía; a secuenciación e combinación das letras; as regras de correspondencia entre fonemas e grafemas.

  • Dificultades no proceso grafomotriz.

  • Dificultades na ortografía.

  • Dificultades na composición e na expresión escrita.

A maioría dos nenos e das nenas aprenden a escribir nos primeiros anos da escolaridade, pero a algúns suponlles un gran esforzo, polo que se, tras ese esforzo, continúan presentando erros ortográficos, dificultades gramaticais e/ou problemas coa claridade ou organización da expresión escrita, entón existe “trastorno específico da aprendizaxe”, “con dificultades da expresión escrita”

PAPEL DAS FAMILIAS
EDIA.jpg

VISITA A WEB DO PROXECTO EDIA

VISITA A WEB DO PROXECTO EDIA

bottom of page